martes, 5 de febrero de 2013

Mapas e gráficas: A orientación e a localización no mapa



Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais
Material para a preparación de probas a distancia


Grao
Medio
Proba
Sociocultural
Parte da proba
Xeografía, historia e sociedade
Unidade didáctica
18. Mapas e gráficas
Actividade
1. A orientación e a localización no mapa
Autores
Grupo de traballo de desenvolvemento de material para a preparación das probas de acceso
Nome do arquivo
UD18_A01_Os.mapas.e.a.orientación.doc




§  Mapas e gráficas.
§  A localización e a orientación no mapa. Coñecemento dos elementos do mapa; as coordenadas xeográficas e a localización.
§  Coñecer a latitude e a súa medición
§  Coñecer a lonxitude e a súa medición
§  Recoñecer as coordenadas xeográficas
§  Identificar os paralelos fundamentais
§  Localizar o meridiano de referencia e situar puntos respecto a el
§  Localizar un punto nun mapa a partir das coordenadas xeográficas
§  Análise e interpretación de gráficos, diapositivas, fotografías, etc.
§  Interpretación de datos estatísticos e imaxes.
§  O espazo e a súa representación.
      Planos e mapas.
      A fotografía aérea.
      A escala.
      Orientación e localización: latitude e lonxitude.
§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.
§  Temporalización: 15 minutos
      Tarefa 1: cinco minutos.
      Tarefa 2: cinco minutos.
      Tarefa 3: cinco minutos.
§   Recursos:
      Materiais: consultarase a información contida no libro de 1º de ESO “Xeografía e Historia”, da editorial Santillana-Obradoiro, unidade didáctica 1 (“O planeta Terra”), páxinas 6 a 19.
Introducímonos nesta unidade no estudo da cartografía; é dicir, no xeito de representar a realidade nos mapas. Para podermos localizar os espazos e coñecer mellor un determinado territorio utilizamos con frecuencia todo un conxunto de representacións da realidade: o globo terráqueo, os planisferios e os mapas. Nesta unidade centrarémonos no coñecemento e no dominio das técnicas básicas para localizar puntos no planeta e para nos orientar nel. Así, veremos que se utilizan unhas liñas imaxinarias que nos permiten cuadricular o globo. Unha vez determinada a cuadrícula, podemos indicar onde se sitúa calquera punto que queiramos localizar. Esa cuadrícula vén definida por unhas liñas verticais (denominadas meridianos) e unha liñas horizontais (denominadas paralelos). O punto de corte entre unha liña e a outra determina a localización do punto.



Un dos obxectivos da xeografía é o coñecemento do espazo no que vivimos. Cando queremos coñecer un territorio podemos utilizar diferentes fontes de información: estatísticas (datos ordenados de carácter natural, social ou económico), fontes audiovisuais (cine, documentais e produtos multimedia) e fontes gráficas. Entre as fontes gráficas destacan as fotografías, que poden ser convencionais (as que tomamos todos cando visitamos un lugar a pé) ou aéreas (tomadas en altura, desde avións ou satélites); as gráficas e os diagramas, que presentan os datos estatísticos en forma visual, e as fontes cartográficas, é dicir, os mapas e os planos, que resultan de especial importancia.
& Consulte o libro “Xeografía e Historia” de 1º de ESO da Editorial Santillana-Obradoiro, nas páxinas 14 e 15, para repasar as formas de representación da Terra.
Os intentos de debuxar mapas que representasen a Terra son moi antigos. A ciencia de representación dos mapas (a cartografía) está moi avanzada hoxe en día grazas aos modernos métodos informáticos e ás imaxes tomadas polos satélites.
Para poder localizar puntos sobre a superficie terrestre estableceuse unha rede imaxinaria de meridianos e paralelos. Os meridianos son liñas imaxinarias que van de polo a polo e miden a lonxitude. O meridiano fundamental é o que pasa por Greenwich (preto de Londres), denominado meridiano 0º. A partir de aí queda establecida a lonxitude dos lugares. Esta pode ser oeste (para todos os lugares situados á esquerda do meridiano que pasa por Londres) ou leste (para todos os lugares situados á dereita de Londres). Os paralelos son liñas imaxinarias paralelas ao Ecuador, que é o paralelo fundamental que divide o globo terráqueo en dúas metades: o hemisferio norte e o hemisferio sur. Os paralelos miden a latitude, que pode ser norte (para todos os puntos situados por riba do Ecuador) ou sur (para todos os puntos situados por baixo do Ecuador). Os paralelos máis importantes son o Ecuador (latitude 0º), que divide o planeta en hemisferios norte e sur; o Trópico de Cáncer, ao norte do Ecuador; o Trópico de Capricornio, situado ao sur do Ecuador, e os círculos polares, o Círculo Polar Ártico, próximo ao Polo Norte, e o Círculo Polar Antártico, próximo ao Polo Sur.
@  Nas tarefas 1 e 2 traballaremos co recoñecemento dos datos fundamentais do globo terráqueo e a aprendizaxe da orientación e a localización de puntos sobre o globo terráqueo.
Os datos de latitude e lonxitude dun lugar constitúen as súas coordenadas xeográficas. Así, tomando como referencia a posición do lugar respecto ao Ecuador e ao meridiano de Londres podemos localizar calquera punto sobre o planeta.
A latitude mídese a partir do Ecuador. Este lugar ten latitude 0º e a partir de aí os paralelos situados ao norte vana medindo ata chegar ao Polo Norte, que ten latitude 90º norte. O mesmo ocorre cando nos movemos desde o Ecuador cara ao sur, chegando a 90º de latitude sur no Polo Sur.
A lonxitude parte de 0º en Greenwich (Londres). Desde aí vai crecendo ata os 180º leste (á dereita de Londres) e os 180º oeste (á esquerda de Londres).
@  Realizaremos prácticas de determinación das coordenadas xeográficas de distintos lugares do planeta na tarefa 3.
& Pode completar esta información lendo os contidos do libro de referencia, na páxina 16 (“As coordenadas xeográficas”).
Lembremos que un mapa é unha representación simplificada dunha parte da superficie terrestre, feita a escala. Para poder representar calquera superficie sobre un papel cómpre reducila. Esa redución do tamaño da realidade realízase mediante unha relación de redución denominada escala. Así, a escala permite establecer a relación entre as lonxitudes medidas do mapa e as lonxitudes que corresponden na realidade.
§  Tarefa 1: Paralelos e meridianos.
§  Tarefa 2: Localización e orientación.
§  Tarefa 3: Coordenadas xeográficas.
Lembremos que os paralelos son liñas imaxinarias paralelas ao Ecuador que miden a latitude. O Ecuador é o círculo máximo do globo terráqueo que divide a Terra en dous hemisferios: o norte e o sur. Outros paralelos de importancia son o Trópico de Cáncer, o Trópico de Capricornio, o Círculo Polar Ártico e o Círculo Polar Antártico.
Os meridianos son liñas imaxinarias que van do Polo Norte ao Polo Sur. O meridiano que pasa por Londres é o meridiano 0º, a partir do cal se mide a lonxitude, que pode ser oeste ou leste (segundo estea á esquerda ou á dereita de Londres).
§  Observe o globo terráqueo e sitúe nel o que se pide:
      Polo Norte.
      Polo Sur.
      Hemisferio Norte.
      Hemisferio Sur.
      Círculo Polar Ártico.
      Círculo Polar Antártico.
      Trópico de Cáncer.
      Trópico de Capricornio.

2.2.2      Tarefa 2: Localizamos lugares e orientámonos
As coordenadas xeográficas dun lugar indícannos a posición dese lugar no globo terráqueo. Son a latitude e a lonxitude dese lugar. A latitude expresa a distancia ao Ecuador e debe indicar se se sitúa ao norte ou ao sur do Ecuador. A lonxitude expresa a posición dese lugar respecto ao meridiano que pasa por Londres e precisa se se atopa ao oeste ou ao leste de Londres.
§  Observe o planisferio e indique a latitude (norte ou sur) e a lonxitude (oeste ou leste) dos lugares que se pide.
      A: latitude norte, lonxitude leste.
      B: latitude norte, lonxitude oeste.
      C: latitude norte, lonxitude oeste.
      D: latitude sur, lonxitude oeste.
      E: latitude norte, lonxitude leste.
As coordenadas xeográficas dun lugar son a expresión da súa latitude e da súa lonxitude. A latitude mídese a partir do Ecuador e pode ir de 0º no Ecuador a 90º norte ou sur nos polos. A lonxitude mídese a partir do meridiano 0º (Greenwich, preto de Londres) e pode ir de 0º a 180 º leste (cara á dereita de Londres) ou oeste (cara á esquerda de Londres).
§  Determine a lonxitude dos lugares indicados no planisferio da tarefa anterior.
A: 40º latitude norte, 150º lonxitude leste.
B: 40º latitude norte, 10º lonxitude oeste.
C: 60º latitude norte, 110º lonxitude oeste.
D: 20º latitude sur, 60º lonxitude oeste.
E: 50º latitude norte, 90º lonxitude leste.


§  Para o estudo dos contidos desta actividade débese repasar a unidade 1 do libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, de Santillana-Obradoiro, páxinas 6 a 17. Así mesmo, pódense consultar as unidades correspondentes de calquera outro libro de texto de 1º de ESO.

A.sociedade.de.Antigo.Réxime

Índice

§  A Idade Moderna e o Antigo Réxime.
§  A sociedade de Antigo Réxime.
§  Identificar os trazos fundamentais na sociedade do Antigo Réxime.
§  A sociedade do Antigo Réxime.
      A sociedade da época moderna: a consolidación da sociedade estamental.
      As actividades agrarias no Antigo Réxime.
§  Localización dos feitos históricos.
§  Secuenciación dos feitos mediante frisos históricos.
§  Tipo da actividade a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.
§  Temporalización: 45 minutos.
      Tarefa 1: 15 minutos.
      Tarefa 2: 15 minutos.
      Tarefa 3: 15 minutos.
§  Recursos:
      Materiais: calquera libro de texto desta materia correspondente a 4º de ESO; recoméndase particularmente o da editorial Santillana-Obradoiro:
      Tarefa 1: unidade 4, páxina 66.
      Tarefa 2: unidade 4 (páxina 66) e unidade 6 (páxina 98).
      Tarefa 3: unidade 4, páxina 68.
Nesta actividade describiremos os trazos fundamentais da sociedade do Antigo Réxime ou Idade Moderna. En xeral, podemos dicir que presenta máis similitudes coa Idade Media que co mundo contemporáneo. A posición social que cadaquén ocupaba viña determinada polo nacemento e pola función desempeñada. Non todas as persoas eran iguais ante a lei. Había uns grupos sociais (estamentos) privilexiados, que eran a nobreza e o clero. Estes vivían das rendas que recibían polo alugamento das súas grandes propiedade. Xunto a eles atopamos un amplísimo grupo (que recibía distintos nomes nos países europeos), o “terceiro estado”, que carecía de privilexios e vivía do seu traballo. Neste grupo dábanse grandes diferenzas canto á situación económica e a riqueza.
A inmensa maioría da poboación estaba constituída polo campesiñado (que formaba parte do terceiro estado), que malvivía explotando unhas terras que non eran súas. Para entendermos as dificultades polas que pasaban estudaremos, finalmente, as características da agricultura neste período.



Nesta actividade perséguese como obxectivo básico coñecer os trazos máis salientables da sociedade propia do Antigo Réxime, así como os grupos sociais que a integran. Finalmente, e tendo en conta que a agricultura é a actividade económica básica á que se dedican os membros desta sociedade, proponse unha tarefa na que moi resumidamente se poida comprobar como esta actividade mantén, en liñas xerais, as características da Idade Media.
Na época do Antigo Réxime asistimos ao mantemento dunha sociedade de tipo estamental, herdada da época medieval. Un estamento era un grupo social relativamente pechado, ao que se pertencía por nacemento ou pola función social desempeñada. Os estamentos eran a nobreza, o clero e un terceiro que recibía distintas denominacións (en España utilizouse a expresión “xente do común”, en Francia “terceiro estado”). Os dous primeiros gozaban de privilexios, sobre todo de tipo económico (non pagaban impostos) e de tipo xurídico (eran xulgados por leis e tribunais propios). A xente do común pagaba impostos e non tiña privilexios xurídicos o que daba lugar a profundas desigualdades entre as persoas, sen que a súa situación practicamente variase ao longo da súa vida.

@  Na tarefa 1 traballaremos sobre as características da sociedade do Antigo Réxime.
& Consulte o libro de texto de referencia na unidade 4, páxina 66, para ampliar contidos.
Pódense atopar diferenzas no interior de cada estamento. Na nobreza adoita distinguirse entre alta e baixa nobreza, en función da súa riqueza económica e da súa importancia social. O mesmo ocorre entre o alto clero (en situación moi similar á alta nobreza) e o baixo clero (máis próximo á xente do común). Pero o grupo máis variado era o da xente do común, onde atopamos desde mendigos e vagabundos que malviven nas cidades, ata ricos banqueiros e comerciantes. Entre a xente do común destacaba a denominada burguesía (comerciantes, artesáns, banqueiros, algúns funcionarios, etc.) que acumulara grandes fortunas grazas ás súas actividades. Malia todo, a maioría da poboación constituíana campesiños que traballaban terras que non eran de seu e pagaban rendas por cultivalas. A súa situación foi moi difícil ao longo do Antigo Réxime.

@  Na segunda tarefa recoñeceremos os tres estamentos existentes e caracterizarémolos segundo os privilexios e a función social. Así mesmo, incluiremos algúns exemplos concretos de persoas no grupo que lles corresponde.
& Para ampliar contidos nesta tarefa consulte o libro de referencia na unidade 4 (páxina 66) e na unidade 6 (páxina 98).
A agricultura era a ocupación principal da maior parte da poboación e a principal fonte de riqueza durante o Antigo Réxime. No seu conxunto non experimentou avances significativos con respecto aos séculos medievais. A maior parte das terras pertencía á nobreza e ao clero, pero estes non as cultivaban directamente senón que as arrendaban a campesiños para a súa explotación a cambio do cobramento dunhas rendas aos campesiños. O atraso tecnolóxico e a orientación da produción agrícola cara ao autoconsumo son trazos definidores da agricultura da época.
@  Realizaremos unha síntese dos trazos da agricultura do Antigo Réxime na tarefa 3.
& Na unidade 4, páxina 68, do texto de apoio de 4º de ESO terá indicacións complementarias.
§  Tarefa 1: Características da sociedade estamental.
§  Tarefa 2: Os grupos sociais.
§  Tarefa 3: As actividades agrícolas.
A sociedade estamental definíase pola desigualdade ante a lei e a existencia de privilexios. Os estamentos eran grupos pechados aos que se pertencía por nacemento ou pola función social. Repase os contidos da introdución e realice o que se pide.


§  A) Coloque un “V” (verdadeiro) ou un “F” (falso) a continuación de cada unha das seguintes afirmacións relacionadas coa sociedade estamental:

V/F
a) Todas as persoas son iguais ante a lei

b) A posición social dos individuos vén determinada polo nacemento e a función que realizan

c) Na sociedade estamental non existen privilexios

d) Existen tres estamentos



§  B) Constrúa unha frase que defina o termo “estamento”coas seguintes palabras:
Leis propias
Grupo social
Conxunto de persoas
Nacemento e función social

§  A)

V/F
a) Todas as persoas son iguais ante a lei
F
b) A posición social dos individuos vén determinada polo nacemento e a función que realizan
V
c) Na sociedade estamental non existen privilexios
F
d) Existen tres estamentos
V
§  B)
      Grupo social con leis propias formado por un conxunto de persoas que teñen igual nacemento e función social.

A sociedade estamental estaba integrada pola nobreza, o clero e a xente do común. Eran grupos definidos polos seus privilexios e pola función social. O grupo máis variado era a xente do común, onde se atopaban campesiños e burguesía xunto a grupos marxinais (mendigos, vagabundos, pobres, etc.). Repase os contidos e realice o que se pide.
§  Complete os seguintes cadros sobre os grupos integrantes da sociedade estamental do xeito que se indica deseguido:
A) Complete os espazos en branco fixándose nos exemplos que aparecen xa cubertos:
Estamento
Privilexiado ou non privilexiado
Función social
Nobreza







Procurar a salvación da sociedade por medio da oración




Non privilexiado

§  B) Relacione os seguintes personaxes co estamento que lle correspondería a cada un deles, seguindo o exemplo:
Personaxe
Estamento
Campesiño

Fidalgo
Nobreza
Bispo

Burgués

Cabaleiro

Cura

Duque

§  A)
Estamento
Privilexiado ou non privilexiado
Función social
Nobreza



PRIVILEXIADO
LOITAR POLA DEFENSA DA SOCIEDADE
CLERO
PRIVILEXIADO
Procurar a salvación da sociedade por medio da oración

XENTE DO COMÚN


Non privilexiado
TRABALLAR PARA ALIMENTAR A SOCIEDADE
§  B)
Personaxe
Estamento
Campesiño
XENTE DE COMÚN
Fidalgo
NOBREZA
Bispo
CLERO
Burgués
XENTE DO COMÚN
Cabaleiro
NOBREZA
Cura
CLERO
Duque
NOBREZA
A agricultura era a actividade á que se dedicaba a maior parte da poboación na Europa do Antigo Réxime. Constituía a principal fonte de riqueza, como fonte de alimentos e como fonte de rendas. Os campesiños traballaban a terra doutras persoas (nobreza e clero, sobre todo) e pagaban rendas pola súa explotación. As técnicas estaban moi atrasadas e producíanse sobre todo cereais destinados ao autoconsumo.
§  Complete o texto sobre a agricultura do Antigo Réxime, empregando para iso os termos indicados deseguido:
autoconsumo
campesiños
anticuados
nobreza
barbeito
clero
colleita

“ A propiedade das terras pertencía á .......................... e ao .........................., estamentos privilexiados. Nelas traballaban .........................., que debían entregar a maior parte da .......................... recollida.
Os instrumentos agrícolas eran ..........................; utilizábanse técnicas como a do .........................., que deixaba parte da terra sen cultivar. A produción obtida orientábase cara ao ..........................  porque non había excedentes.
“A propiedade das terras pertencía á nobreza e ao clero, estamentos privilexiados. Nelas traballaban campesiños, que debían entregar a maior parte da colleita recollida.
Os instrumentos agrícolas eran anticuados; utilizábanse técnicas como a do barbeito, que deixaba parte da terra sen cultivar. A produción obtida orientábase cara ao autoconsumo porque non había excedentes.


§  Calquera libro de texto desta materia correspondente a 4º de ESO; recoméndase particularmente o da editorial Santillana-Obradoiro:
      Tarefa 1: unidade 4, páxina 66.
      Tarefa 2: unidade 4 (páxina 66) e unidade 6 (páxina 98).
      Tarefa 3: unidade 4, páxina 68.