miércoles, 22 de enero de 2014

A problemática das relacions entre a poboación e os recursos


Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais
Material para a preparación de probas a distancia







§  A poboación do mundo.
§  A problemática das relacións entre a poboación e os recursos.
§  Coñecer e utilizar os modelos do crecemento demográfico e o coñecemento da distribución da poboación en Galicia, en España e no mundo.
§  Analizar algúns exemplos representativos das tendencias migratorias e dos problemas de superpoboación e avellentamento no mundo actual.
§  As desigualdades na distribución da poboación. Poboación e recursos: densidade de poboación e superpoboación.
§  Os movementos migratorios: o caso galego.
§  Análise e interpretación de gráficos, diapositivas, fotografías, etc.
§  Lectura e interpretación de mapas temáticos.
§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe e individual.
§  Temporalización: 20 minutos.
      Tarefa 1: 5 minutos.
      Tarefa 2: 7 minutos.
      Tarefa 3: 8 minutos
§  Recursos:
Esta actividade complementa a anterior, na que estudamos o concepto de densidade de poboación. Agora introducimos un novo concepto, o de “superpoboación” que matiza o de “densidade”, xa que establece as relacións entre unha poboación dada e o medio que a sustenta, de xeito que cando os recursos deste non abondan para manter a dita poboación falamos de superpoboación.



Hai países moi densamente poboados pero non superpoboados (existen recursos para todos os seus habitantes) e hai países pouco poboados pero que están superpoboados, porque os recursos non abondan para manter toda a poboación.
Trataremos tamén nesta actividade o tema dos fluxos migratorios, orixinados moitas veces pola problemática da superpoboación, e exemplificarémolo co caso galego.
O concepto de densidade de poboación non é definitivo para explicar as relacións entre unha poboación e o espazo xeográfico que o sustenta, xa que nun país desenvolvido e con abundantes recursos unha densidade elevada non resulta problemática; por contra, cando os efectivos poboacionais resultan excesivos en relación aos recursos que lles pode ofertar un territorio falamos de superpoboación. Isto é o que acontece en moitos países subdesenvolvidos que están a realizar a súa explosión demográfica sen un crecemento paralelo dos recursos nos que sustentarse. Trátase dunha situación que priva unha parte da poboación da posibilidade de atopar un medio de vida no seu lugar de orixe e constitúe a xénese de boa parte dos fluxos migratorios na actualidade.
Cómpre termos en conta, iso si, que os movementos migratorios non constitúen un fenómeno novidoso, senón que son un feito presente desde sempre na historia da humanidade. Existen múltiples causas que os explican: económicas, políticas, relixiosas, naturais, etc. Na actualidade, as causas económicas son as que máis explican o importante fluxo migratorio procedente dos países subdesenvolvidos e en vías de desenvolvemento con destino ás áreas máis desenvolvidas do planeta.
@  Na tarefa 1 achegámonos ao concepto de “superpoboación” e intentamos que reflexione sobre a diferenza co concepto de “alta densidade de poboación”. Ao mesmo tempo, incidimos na relación existente entre o subdesenvolvemento económico e a superpoboación.
& Para completar esta información pode consultar os textos de apoio da editorial Santillana-Obradoiro “Xeografía e Historia” 3º de ESO, unidade didáctica 10, páxinas 160 a 163.
@  Xa vimos na actividade anterior que a poboación cambia de territorio: son os movementos migratorios. Na tarefa 2 imos aprender cales son os grandes movementos migratorios no mundo actual identificando os países dos que saen as persoas, os países dos que emigran, e os países que as atraen, os que reciben os inmigrantes. Lémbrese que a mesma persoa é un emigrante para o país que abandona e é un inmigrante para o país que o recibe.
& Pode ampliar e recordar estes conceptos no textos de apoio da editorial Santillana-Obradoiro “Xeografía e Historia” 3º de ESO, unidade didáctica 9, páxinas 150 a 153.
@  Na tarefa 3 lerá unha síntese da situación da migración galega desde a século XIX ata o momento actual para extraer as ideas máis importante sobre este tema.
@  Para completar a información consulte o textos de apoio da editorial Santillana-Obradoiro “Xeografía e Historia” 3º de ESO, unidade didáctica 16, páxinas 250 a 253.
§  Tarefa 1: A superpoboación.
§  Tarefa 2: Os fluxos migratorios.
§  Tarefa 3: Os emigrantes galegos.
2.2.1      Tarefa 1: A superpoboación
A superpoboación relaciona se os efectivos poboacionais dun territorio resultan excesivos con respecto aos recursos que lles pode ofrecer un territorio.
§  Nesta tarefa temos por obxectivo que reflexione acerca do concepto de superpoboación, para o que lle ofrecemos un cuestionario onde terá que decidir se o enunciado proposto é verdadeiro (V) ou falso (F).

V / F
A superpoboación consiste en que un país teña unha elevada densidade de poboación, independentemente dos recursos con que conte para manter a dita poboación

Fálase de superpoboación cando un país non produce suficientes recursos para satisfacer as necesidades dos seus habitantes

A superpoboación é un concepto relativo: podemos dicir que Etiopía, con 59 millóns de habitantes, está superpoboado, pero non o están os EEUU con 270 millóns, porque posúe uns recursos moi abundantes

Algúns países de Europa occidental están superpoboados


A superpoboación dun territorio depende ás veces tanto da cantidade de recursos dispoñibles pola poboación como do seu reparto, da acumulación de moito en poucas mans



V / F
A superpoboación consiste en que un país teña unha elevada densidade de poboación, independentemente dos recursos con que conte para manter a dita poboación
F
Fálase de superpoboación cando un país non produce suficientes recursos para satisfacer as necesidades dos seus habitantes
V
A superpoboación é un concepto relativo: podemos dicir que Etiopía, con 59 millóns de habitantes, está superpoboado, pero non o están os EEUU con 270 millóns, porque posúe uns recursos moi abundantes
V
Algúns países de Europa occidental están superpoboados

F
A superpoboación dun territorio depende ás veces tanto da cantidade de recursos dispoñibles pola poboación como do seu reparto, da acumulación de moito en poucas mans
V

2.2.2      Tarefa 2: Os fluxos migratorios
§  Neste cadro amósanse os grandes trazos dos fluxos migratorios actuais: primeiramente terá que identificar sobre o mapa as zonas que se lle están a indicar segundo se indica deseguido.
Procedencia
Destino
Norte de África
Europa
Europa do leste
Europa occidental
Sueste asiático
Xapón e EEUU
América central e Caribe.
EEUU


Mapa de fluxos




Vermello: fluxo migratorio que sae de África con destino a Europa.
Azul: fluxo migratorio que sae de Europa do leste con destino a Europa occidental.
Verde: fluxo migratorio que sae do sueste asiático con destino a Xapón e EEUU.
Amarelo: fluxo migratorio que sae de América central e Caribe con destino a EEUU.














§  Seguindo as frechas do mapa anterior, terá que relacionar na táboa as procedencias e os destinos.
Procedencia
Destino
Marrocos
Xapón e EEUU
China
Alemaña
Cuba
Francia
Polonia
EEUU

Procedencia
Destino
Marrocos
Francia
China
Xapón e EEUU
Cuba
EEUU
Polonia
Alemaña

Por medio desta tarefa querémolo concienciar de que o pobo galego tamén sufriu en tempos aínda próximos a lacra da emigración. Estas migracións foron particularmente intensas entre as décadas dos 70 e dos 80 do século XIX e os mesmos anos do século XX, cando se produciron xa moitos retornos. Os puntos de destino destes emigrantes foron América, onde recalaron máis dun millón de galegos, e os países europeos máis desenvolvidos (Francia, Alemaña, Suíza, etc.), a onde foron dar algo máis de medio millón.
§  A tarefa consiste na lectura atenta do texto seguinte e na posterior resposta a un cuestionario a propósito del.
Entre 1940 e 1975, a poboación galega mantívose estancada. Trala segunda Guerra Mundial e ante as crecentes dificultades económicas, Galicia converteuse en exportadora de man de obra. Calcúlase que durante o franquismo emigraron máis de 600.000 galegos. Na década de 1950 dirixíronse cara ao Brasil, Arxentina, Venezuela e Uruguai; na década seguinte, os países de destino foron europeos: Francia, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Gran Bretaña.
Ademais, dentro de España, moitos galegos emigraron para traballar en Madrid, Cataluña e o País Vasco. As consecuencias deste masivo éxodo dei­xáronse notar no descenso da taxa de natalidade e no avellentamento demográfico, sobre todo das provincias orientais.
Os emigrantes procedían na súa maioría do campo, o que provocou que descendese a poboación dedicada ao sector primario, mentres que durante a década de 1960, co desenvolvemento industrial, medraron os sectores secundario e terciario.
O nivel medio de vida aumentou e xurdiu unha clase media que, por vez primeira, puido enviar os seus fillos á universidade.
A crise económica de 1973 obrigou a moitos emigrantes a retornar. Desde entón, a poboación galega rexistra un forte retroceso, consecuencia do avellentamento demográfico e do aumento das defuncións, que superan os nacementos.
Galicia, rexión tradicionalmente emigrante, pasou na década de 1990 a ser unha comunidade receptora de inmigrantes. Os desequilibrios territo­riais incrementáronse: o maior crecemento demográfico produciuse arre­dor das áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, en detrimento das zonas de economía agraria tradicional. Esta situación foi compensada coa mellora das comunicacións interiores e coa recuperación de espazos rurais.”
Fonte: Monografía “Galicia”, Ciencias Sociais, Historia 4º de ESO, Oxford Educación, Madrid, 2003, páxina 36).

§  Deseguido debe responder ao seguinte cuestionario:
1- Pódese dicir que a emigración foi a principal causa do estancamento da poboación galega entre 1940 e 1975?
2- Que dúas áreas xeográficas (continentes) tiveron como destino estes emigrantes?
3- Abandonaron os galegos a nosa terra cara a outros puntos da Península, ademais das migracións ao exterior, neste período? Por qué?
4- Por que desde 1973 retornan moitos emigrantes?
5- É hoxe Galicia, á súa vez, destino de poboación inmigrante? Desde cando?

1- Si, dado que emigraba polo xeral poboación nova, en idade de ter fillos.
2- América e Europa
3- Si. Na procura de traballo.
4- Pola crise económica, que provocou a redución dos postos de traballo nos países de acollida.
5 - Si, desde 1990.



No hay comentarios:

Publicar un comentario