Na actualidade, existe alumnado de educación secundaria obrigatoria con dificultades ou desfases na súa aprendizaxe que poden pór en risco o alcance das competencias básicas e dos obxectivos previstos e, como consecuencia, a obtención da titulación correspondente.

Malia tales dificultades, este alumnado posúe capacidades que cómpre potenciar a través de medidas educativas específicas para poder finalizar a súa escolarización en condicións de desenvolvemento persoal e inclusión social satisfactorias, sen as cales probablemente teña que afrontar unha situación laboral de precariedade debido á falta de cualificación e de titulación. Para este alumnado establécense os programas de cualificación profesional inicial.

O horizonte último dos programas de cualificación profesional inicial é o desenvolvemento das competencias básicas.

Como é lóxico, o ámbito contribúe dun xeito decisivo ao logro das seguintes competencias:
a) Competencia social:a través do coñecemento da organización e da evolución das sociedades. O estudo da xeografía e da historia resulta fundamental para o desenvolvemento da competencia social e cidadá, xa que facilita a comprensión da realidade social e as relacións dentro dun modelo de sociedade cada vez máis plural; de sentimentos de pertenza á sociedade en que vive, mediante o estudo dos trazos que a caracterizan; desenvolvemento da empatía, da capacidade de poñerse no lugar do outro, mediante a análise das actividades humanas no presente e no pasado; da capacidade de diálogo para a análise dos problemas presentes e pasados da sociedade e a súa proxección sobre os problemas reais que deben encarar as persoas na súa propia vida; desenvolvemento de metodoloxías participativas, interactivas e dialóxicas, que propicien habilidades para participar na vida cívica, para asumir os valores democráticos e para o cumprir os deberes propios.

b) Competencia no tratamento da información ecompetencia dixital: O uso de técnicas de observación e análise para extraer información directamente da paisaxe., de fontes documentais escritas, gráficas e audiovisuais, das tecnoloxías da información como fonte de información escrita, icónica e musical, da linguaxe cartográfica, uso de programas informáticos adecuados para expresar a información obtida mediante informes, presentacións, etc, uso das TIC como instrumento de comunicación, inclusión e cohesión entre grupos étnica e culturalmente distintos.

c) Competencia en comunicación lingüística: a través de todos os ámbitos de coñecemento, porque a linguaxe é o vehículo imprescindible para a transmisión dos saberes, a súa apropiación e expresión. Pero o ámbito social contribúe a ela de modo significativo mediante o uso dun vocabulario propio e o dominio das habilidades de ler e escribir diferentes tipos de textos, que resultan fundamentais como elementos de información social e histórica. Aposta en xogo de habilidades para a comunicación verbal en grupo, mediante técnicas de diálogo e discusión, de toma de decisións. Debater en serio esixe exercitarse na escoita, na exposición e a argumentación e para iso é necesario verbalizar os conceptos, facer explícitas as ideas, formar os xuízos e estruturalos de forma coherente. O uso dunha linguaxe non discriminatoria pola orixe, xénero ou calquera outra circunstancia. A utilización e a comprensión da información oral e escrita, integrándoa nos esquemas previos de coñecemento.

d) Competencia matemática: mediante o uso, para a análise da interacción do home co medio e das relacións económicas,de operacións aritméticas, porcentaxes, proporcións, nocións estatísticas básicas na descrición e análise dos fenómenos xeográficos, económicos e históricos. Uso de escalas numéricas, gráficas e proporcións.

e) Competencia para aprender a aprender: favorécese desde o ámbito social mediante a presentación de problemas reais que nos afectan como cidadáns e a busca de solucións realistas para eles. A adquisición da capacidade de aprender de xeito autónomo, desenvolvendo ferramentas que a faciliten e buscando respostas que se correspondan cun coñecemento racional. A formalización de técnicas para extraer información directamente da observación da paisaxe e de fontes documentais. O desenvolvemento de estratexias que axudan ao grupo a formular problemas, discutilos e alcanzar conclusións. Elaboración de valoracións persoais e conclusións razoadas: establecemento de relacións entre feitos diversos, explicación causal dos fenómenos.

f) Competencia para a autonomía persoal: mediante a aclaración de actitudes e sentimento propios.O desenvolvemento da autoestima e da seguridade persoal. A aceptación das diferenzas de actitudes e valores e a asunción do propio rol dentro dos grupos a que se pertence.Desenvolvemento da toma responsable de decisións relacionadas coa dimensión persoal, social ou profesional. Participación activa na xestión dos asuntos públicos. Coñecemento de estratexias para a inserción no mundo laboral, información sobre os seus dereitos e aspectos básicos das relacións laborais. Elaboración e aplicación de estratexias persoais baseadas na información de carácter xeográfico, histórico ou sociolóxico para resolver situacións problemáticas e conflitivas. Participación activa e creativa na xestión e a mellora dos espazos públicos, para defender e proteger o patrimonio cultural, artístico, natural e inmaterial.



3. OBXECTIVOS.

O Módulo de Sociedade e Cidadanía I, pola súa banda, terá os seguintes obxectivos:
1. Coñecer e valorar as características organizativas, sociais e culturais fundamentais do contorno.
2. Coñecer e valorar os principais trazos das organizacións sociais e culturais do Estado.
3. Coñecer as características da sociedade democrática e tomar conciencia da necesidade de participación, con recoñecemento dos dereitos e dos deberes da cidadanía.
4. Coñecer as principias institucións supranacionais: Unión Europea e organismos internacionais.
5. Coñecer e analizar os problemas sociais do mundo actual.

No hay comentarios:

Publicar un comentario