lunes, 4 de marzo de 2013

O funcionamento da economía



§  Axentes e institucións económicas mundiais.
§  O funcionamento da economía.
§  Coñecer os trazos básicos do sistema económico capitalista.
§  Diferenciar os elementos definidores do sistema de economía mixta.
§  Identificar os principais axentes económicos.
§  Recoñecer as principais institucións económicas da nosa economía.
§  Comprender o funcionamento básico dos mercados.
§  Os poderes transnacionais.
§  O século XIX.
§  O século XX.
§  Tipo da actividade a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.
§  Temporalización: 30 minutos.
      Tarefa 1: dez minutos
      Tarefa 2: dez minutos
      Tarefa 3: dez minutos


§  Recursos:
      Para a realización da tarefa pódese consultar e repasar a información contida no libro de texto da editorial Santillana-Obradoiro de 3º de ESO na unidade 13 “As grandes potencias”, páxinas 202 a 217. Tamén será posible consultar os contidos correspondentes en calquera libro de texto de 3º de ESO de calquera editorial.

Ao longo desta actividade intentaremos unha aproximación ao funcionamento básico da economía actual. Veremos que vivimos nun país de economía capitalista. Caracterizaremos o capitalismo inicial (defensa da propiedade privada, da iniciativa individual, da libre empresa, etc.) e veremos como evolucionou ata os nosos sistemas de economía mixta, nos que conviven o libre mercado e a iniciativa do Estado. Analizaremos tamén cales son os principais axentes económicos (empresas, consumidores e Estado) e estudaremos o papel económico que xoga cada un. Veremos cales son as principais institucións económicas (mercado, diñeiro, etc.) e intentaremos resumir cales son os principais problemas económicos do mundo no que nos tocou vivir.



A importancia da economía na vida das persoa é incuestionable. A economía é unha ciencia que trata de estudar o xeito no que os individuos satisfán as súas necesidades cos recursos dispoñibles. Isto resolveuse de diferentes xeitos ao longo da historia, o que deu orixe aos distintos sistemas económicos. A partir da Revolución industrial, o sistema económico predominante no mundo occidental foi o capitalismo.
Este modelo, aínda que foi evolucionando ao longo do tempo, mantén uns trazos básicos que o caracterizan:
a)      A defensa da propiedade privada dos medios necesarios para producir; é dicir, as empresas deben pertencer a persoas particulares, que se unen en sociedades. Os empregados traballan para a empresa a cambio dun salario.
b)      O principal obxectivo do empresario é a procura do máximo beneficio. Este vén definido pola diferenza entre os ingresos obtidos pola venda dos produtos e os custos que xerou a produción.
c)      A produción e o mercado son libres; é dicir, son os consumidores e os produtores os que deciden que bens e servizos se van producir.
d)     Os prezos dos produtos son libres; as empresas establécenos atendendo á lei da oferta e da demanda.

Estes serían os trazos do sistema económico capitalista “puro”, o que se desenvolveu aproximadamente ata a I Guerra Mundial. Tras ela, e especialmente tras a II Guerra Mundial, xeneralizouse nos países capitalistas o sistema de economía mixta. Este sistema defende os trazos básicos do capitalismo (propiedade privada, liberdade de empresa, libre fixación dos prezos segundo a oferta e a demanda, etc.), pero con novidades engadidas, xa que, por exemplo, se lle reserva un papel económico ao Estado, que debe intervir na economía. O Estado debe atender as necesidades básicas da poboación en aspectos que o mercado só non cubre satisfactoriamente: ensino, sanidade e asistencia social. Este modelo de estado denomínase tamén Estado do benestar.Tamén debe establecer as normas que regulan a vida económica. E debe realizar unha función social redistribuíndo a renda. Para iso achega axudas aos máis necesitados (bolsas, axudas e subvencións) e reclama máis contribucións aos que máis teñen (maiores impostos). Todas estas funcións do Estado deben ir encamiñadas a conseguir a estabilidade e o crecemento económicos.

@  Coa realización da tarefa 1 trataremos de fixar os trazos característicos do sistema económico capitalista “puro”.

@  Intentaremos captar con exemplos da nosa vida cotiá o papel xogado polo Estado na vida económica española actual, realizando a tarefa 2.
As actividades económicas lévanse a cabo polos protagonistas da economía. Para chegar a producir cómpre un grupo elementos básicos, que se chaman factores de produción. Estes son tres, fundamentalmente:
a)      As materias primas: os recursos naturais.
b)      A forza de traballo: a actividade humana de transformación.
c)      O capital: o conxunto de ferramentas e máquinas necesario para producir.
No sistema de economía mixta os protagonistas das actividades económicas son principalmente tres: os consumidores (tamén chamados economías domésticas), as empresas e o sector público. Os consumidores cumpren a función principal de consumir os bens e servizos que proporcionan as empresas, pagando un prezo por eles. As empresas cumpren a función principal de producir bens e servizos, a cambio dos cales cobran uns prezos. O sector público constitúeno o conxunto de organismos e institucións dependentes do Estado. Cumpre as funcións de proporcionar bens e servizos públicos (sanidade, educación, xustiza, etc.), establecer as normas económicas e redistribuír a renda. Para poder levalas a cabo cobra impostos dos outros axentes económicos (consumidores e empresas).
@  Procuraremos recoñecer a intervención dos tres protagonistas da economía nas actuacións recollidas na tarefa 3.
Os axentes económicos relaciónanse entre si grazas a unha serie de institucións económicas fundamentais. Unha das máis importantes é o mercado. Un mercado é calquera ámbito no que se poñen en contacto consumidores e produtores para intercambiar bens e servizos a cambio de diñeiro. Tanto pode ser a través dun lugar físico (un mercadiño na rúa dunha cidade), como cos modernos sistemas de comunicación (teléfono, fax, correo electrónico e internet). Nos mercados realízanse os intercambios de produtos por diñeiro. O diñeiro é un medio de pagamento, xeralmente aceptado nos intercambios económicos. Úsase como unidade de medida do valor das mercadorías.
@  Analizaremos a través da tarefa 4 o funcionamento dos mercados cun exemplo concreto.
& Poderá atopar a información necesaria para a realización destas tarefas no libro de texto da editorial Santillana, Obradoiro de 3º ESO na unidade 13 “As grandes potencias”, páxinas 202 a 217.
§  Tarefa 1: O sistema económico capitalista.
§  Tarefa 2: Do capitalismo ao sistema de economía mixta.
§  Tarefa 3: Os axentes económicos.
§  Tarefa 4: O funcionamento dos mercados.
O sistema económico capitalista ou de mercado caracterízase pola defensa da propiedade privada, pola promoción da iniciativa privada e pola libre fixación dos prezos segundo as leis do mercado.
§  Repase as características do sistema económico capitalista sinaladas na introdución e indique se son verdadeiras ou falsas as seguintes afirmacións:

V / F
Afirmación

Os prezos dos produtos son fixados polo Estado.

Deféndese a propiedade privada.

As empresas procuran a máxima satisfacción das necesidades colectivas.

Os traballadores “venden” traballo a cambio dun salario.

O beneficio é o que reciben as empresas do Estado en forma de subvencións e axudas.

O mercado funciona segundo os acordos de produtores e consumidores.

A cantidade e a variedade de bens producidos vén fixada polo Estado.

Predomina o libre funcionamento da economía.

Os axentes económicos guíanse pola procura do beneficio individual.

Predomina a lei da oferta e da demanda.

V / F
Afirmación
F
Os prezos dos produtos son fixados polo Estado.
V
Deféndese a propiedade privada.
F
As empresas buscan a máxima satisfacción das necesidades colectivas.
V
Os traballadores “venden” traballo a cambio dun salario.
F
O beneficio é o que reciben as empresas do Estado en forma de subvencións e axudas.
V
O mercado funciona segundo os acordos de produtores e consumidores.
F
A cantidade e a variedade de bens producidos vén fixada polo Estado.
V
Predomina o libre funcionamento da economía.
V
Os axentes económicos guíanse pola procura do beneficio individual.
V
Predomina a lei da oferta e da demanda.



Lembremos que o sistema económico capitalista “puro” xerou unha serie de insuficiencias e problemas. Había necesidades que non quedaban suficientemente satisfeitas no conxunto da poboación, como a educación, a sanidade, a xustiza, etc. As desigualdades sociais que provocaba o capitalismo eran moi grandes. Isto levou a tomar conciencia da conveniencia de que o Estado interviñese na vida económica para intentar solucionar estes graves problemas. Naceu así a idea do Estado do benestar: grazas aos impostos pagados por todos, o Estado pode proporcionarnos ensinanza, sanidade, infraestruturas, seguro de desemprego, pensións de xubilacións, etc.
Imos comprobar que o Estado realiza fundamentalmente tres funcións na economía: proporciona bens e servizos públicos, establece o marco normativo e redistribúe a renda.

§  Indique a cal desas tres funcións corresponden os seguintes exemplos:


Función
Actuación

O Ministerio de Economía fixa os requisitos para instalar unha central nuclear

O Concello de Meira acorda construír unha piscina municipal.

Os estudantes de rendas baixas recibirán bolsas para libros e transporte.

O Ministerio de Fomento decide construír unha autovía de Lugo a Ourense.

O Servizo Galego de Saúde acorda crear un novo centro de saúde en Viana do Bolo.


Función
Actuación
Normativa
O Ministerio de Economía fixa os requisitos para instalar unha central nuclear
Proporcionar bens e servizos públicos
O Concello de Meira acorda construír unha piscina municipal.
Redistribuír a renda
Os estudantes de rendas baixas recibirán bolsas para libros e transporte.
Proporcionar bens e servizos públicos
O Ministerio de Fomento decide construír unha autovía de Lugo a Ourense.
Proporcionar bens e servizos públicos
O Servizo Galego de Saúde acorda crear un novo centro de saúde en Viana do Bolo.
Os principais protagonistas da vida económica son tres: os consumidores ou economías domésticas (que fundamentalmente consumen bens e servizos), as empresas (que producen os bens e os servizos) e o sector público ou Estado.

§  Clasifique entre os axentes económicos os seguintes exemplos:

Axente económico
Exemplo

Concello de Lugo

Repsol YPF

Un compañeiro de estudios

O meu tío e os seus fillos

A Consellería de Educación

Axente económico
Exemplo
Sector público
Concello de Lugo
Empresa
Repsol YPF
Consumidor
Un compañeiro de estudios
Consumidor
O meu tío e os seus fillos
Sector público
A Consellería de Educación


Nos mercados teñen lugar os intercambios de produtos por diñeiro. Os produtos son ofrecidos polas empresas (vendedores) e o diñeiro é pagado polos consumidores (compradores). As empresas constitúen a oferta e os consumidores constitúen a demanda. Cando hai máis desexos de comprar que produtos para vender dise que estamos nunha situación de escaseza. Neses casos, os prezos tenden a subir. Cando hai máis desexos de vender que compradores dispostos a comprar dise que hai exceso de oferta. Neses casos os prezos dos produtos tenden a baixar. Isto é o que se coñece como a “lei da oferta e da demanda”. Imos comprobar a través de exemplos concretos como se produce isto na realidade.
§  Analicemos o que ocorre en época de rebaixas. Nestes casos os vendedores (comerciantes) queren vender todos os produtos que lles quedan nos almacéns para deixar sitio aos produtos da seguinte tempada.
§  Que é maior, o desexo de vender dos comerciantes ou o desexo de comprar dos consumidores?
§  Que lles ocorre aos prezos dos produtos, soben ou baixan?
§  En que situación estamos, exceso de oferta ou escaseza?
§  É maior o desexo de vender dos comerciantes.
§  Os prezos dos produtos baixan.
§  Situación de exceso de oferta.


§  Para a realización da tarefa pódese consultar e repasar a información contida no libro de texto da editorial Santillana-Obradoiro de 3º de ESO na unidade 13 “As grandes potencias”, páxinas 202 a 217. Tamén será posible consultar os contidos correspondentes en calquera libro de texto de 3º de ESO de calquera editorial.