martes, 30 de octubre de 2012

A Idade Moderna e o Antigo Réxime.



§  A Idade Moderna e o Antigo Réxime.

§  Os descubrimentos xeográficos.



§  Identificar os trazos fundamentais na sociedade do Antigo Réxime.

§  Analizar algúns dos feitos máis relevantes da historia de España na época moderna.



§  A sociedade do Antigo Réxime. Os descubrimentos.


§  Localización dos feitos históricos.

§  Secuenciación dos feitos mediante frisos históricos.


§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.

§  Temporalización: 25 minutos.

      Tarefa 1: 15 minutos.

      Tarefa 2: 10 minutos.

§  Recursos:

      Materiais: calquera libro de texto da materia correspondente ao nivel de 4º de ESO; recoméndase particularmente o da editorial Obradoiro-Santillana:

-      Tarefa 1: unidade 1, páxinas 16 e 17, ademais dun atlas.

-      Tarefa 2: unidade 1, páxina 14.


Nesta actividade pretendemos pór de manifesto a importancia e a transcendencia dos descubrimentos xeográficos realizados ao longo do século XV. A dominación turca do Mediterráneo oriental pechou a tradicional ruta cara a Asia e propiciou que os portugueses procurasen rutas alternativas. Comeza así unha época de expansión marítima de Europa facilitada polos grandes avances técnicos en navegación. En medio século, os navegantes europeos lograron cruzar os océanos Atlántico, Índico e Pacífico. Deste xeito, Europa púxose en contacto definitivo con Asia e con África, e o continente americano pasou a quedar integrado no conxunto do mundo coñecido.




Con esta actividade inténtase identificar a localización espacial e temporal dos grandes descubrimentos xeográficos da Idade Moderna, os seus protagonistas e as causas que deron lugar a eles.

A partir de mediados do século XV o mundo coñecido ampliouse coa descuberta de novas terras noutros continentes. Dous países, España e Portugal, foron pioneiros na exploración e na conquista destes territorios.

@  Dedicaremos a primeira tarefa a situar cronoloxicamente algúns acontecementos destacados deste proceso, así como a sinalar os seus protagonistas.

& Para ampliar contidos, consulte o libro de texto de 4º de ESO recomendado, na unidade 1 (páxinas 16 e 17).

Unha serie de causas explican este fenómeno das exploracións xeográficas. A caída de Constantinopla en poder dos turcos otománs (1453) interrompeu o comercio co extremo Oriente a través do Mediterráneo oriental. Isto provocou que España, Portugal e, posteriormente, outros países europeos se lanzasen a unha carreira na procura de novas rutas marítimas. Tamén destacan os avances técnicos en navegación, como a utilización do compás, a construción de barcos máis manobrables (a carabela) ou a utilización de mapas máis precisos.

Todo este conxunto de causas facilitou o descubrimento polos europeos de novos continentes. Portugal ensaiará a ruta do leste: navegará rumbo sueste para rodear África e chegar á India e ao extremo Oriente. España ensaiará a ruta do oeste, na que se atopará cun continente novo: América.

@  Na segunda tarefa realizaremos unha síntese das principais causas e dos primeiros factores que influíron nas descubertas xeográficas.

& Para ampliar contidos nesta tarefa consulte o libro de texto recomendado de Santillana-Obradoiro, na unidade 1 (páxina 14).

A transcendencia histórica dos grandes descubrimentos xeográficos foi enorme. Grupos humanos que ata ese momento permaneceran incomunicados comezaron a entrar en contacto. Serviron para que se desenvolvese un comercio internacional entre os países europeos e os territorios descubertos noutros continentes. Os países europeos convertéronse en metrópoles e os territorios descubertos foron as colonias. Avanzaba así o proceso de mundialización, polo que ningún país nin territorio vive illado.


§  Tarefa 1: Localización espacial e  temporal, e protagonistas dos descubrimentos.

§  Tarefa 2: Causas dos descubrimentos


Ao longo do século XV e a principios do século XVI, o mundo coñecido polos europeos ampliouse notablemente. Os reinos de Portugal e de Castela desempeñarán un papel moi destacado neste proceso. Repase os contidos do libro de texto e da introdución e realice o que se pide.

§  A) Indique as datas das seguintes descubertas xeográficas:

a) Descuberta de América
b) Chegada ao cabo de Boa Esperanza
c) Descuberta do océano Pacífico
d) Chegada á India
e) Primeira volta ao mundo

§  B) Sitúe as datas dos anteriores descubrimentos xeográficos na seguinte liña do tempo, seguindo o exemplo:

 

§  C) Sinale no mapa os lugares descubertos que se mencionan:

América       Cabo de Boa Esperanza        Océano Pacífico        India



§  A)

a) Descuberta de América
1492
b) Chegada ao cabo de Boa Esperanza
1487
c) Descuberta do océano Pacífico
1513
d) Chegada á India
1498
e) Primeira volta ao mundo
1522

§  B)

 

§  C)



Os motivos que levaron os europeos a lanzárense ao mar aberto na procura de novos camiños foron moitos. Cítanse os motivos económicos, políticos e relixiosos, o afán de coñecemento e de aventura, e os avances técnicos en navegación, entre outros. Repase os contidos no libro de texto e na introdución para facer o que se pide.

§  Complete os espazos punteados do seguinte texto utilizando as palabras que se citan deseguido:

carabela
XV
Mediterráneo
Constantinopla
mapas
técnicos
compás

“As descubertas xeográficas comezan a producirse na segunda metade do século ..................., coincidindo coa caída de ................... en poder dos turcos. Este feito interrompeu o comercio entre Europa e o extremo Oriente a través do mar ...................

Ademais disto, houbo outros motivos que explicarían os descubrimentos:

Avances ..................., como a utilización do ..................., instrumento baseado nunha agulla imantada que sinalaba sempre cara ao norte e que permitía coñecer o rumbo con exactitude, ou a ..................., barco con moita capacidade que resistía as tempestades.

O descubrimento da cartografía, ciencia que permitía a elaboración de ................... cada vez máis precisos.”


“As descubertas xeográficas comezan a producirse na segunda metade do século XV, coincidindo coa caída de Constantinopla en poder dos turcos. Este feito interrompeu o comercio entre Europa e o extremo Oriente a través do mar Mediterráneo.

Ademais disto, houbo outros motivos que explicarían os descubrimentos:

Avances técnicos, como a utilización do compás, instrumento baseado nunha agulla imantada que sinalaba sempre cara ó norte e que permitía coñecer o rumbo con exactitude, ou a carabela, barco con moita capacidade que resistía as tempestades.

O descubrimento da cartografía, ciencia que permitía a elaboración de mapas cada vez máis precisos.”




§  Calquera libro de texto da materia correspondente ao nivel de 4º de ESO; recoméndase particularmente o da editorial Obradoiro-Santillana:

      Tarefa 1: unidade 1, páxinas 16 e 17, ademais dun atlas.

      Tarefa 2: unidade 1, páxina 14.

A Idade Moderna e o Antigo Réxime.



§  A Idade Moderna e o Antigo Réxime.

§  A cronoloxía da Idade Moderna.



§  Identificar os trazos fundamentais na sociedade do Antigo Réxime.



§  A sociedade do Antigo Réxime


§  Localización dos feitos históricos.

§  Secuenciación dos feitos mediante frisos históricos.


§  Tipo da actividade a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.

§  Temporalización: dez minutos.

      Tarefa 1: dez minutos.

§  Recursos:

      Materiais: calquera libro de texto da materia e do nivel adecuados; recoméndase particularmente o de Historia 2º de ESO da editorial Santillana-Obradoiro, no seu índice (páxinas 2 e 3) e no apartado de repaso (páxinas 6 e 7).


O coñecemento histórico necesita un marco de espazo e de tempo no que situar os acontecementos. Nesta actividade trataremos que situar o marco cronolóxico no que se desenvolve a Idade Moderna. Podemos situar o comezo deste período entre mediados e finais do século XV, cando os turcos otománs inician a súa expansión cara ao oeste europeo e cando América pasa a incluírse no conxunto do mundo. Poderiamos situar o seu remate a finais do século XVIII, cando a Revolución Francesa veu pór fin ao conxunto de características políticas, económicas e sociais dominantes en Europa neses tres séculos (o Antigo Réxime).





A actividade pretende encadrar o período histórico da Idade Moderna precisando a súa datación cronolóxica.

Os historiadores adoitan utilizar unha denominación común para referirse a períodos de longa duración que manteñen unhas características similares. Así, falan da Idade Antiga, a Idade Media, a Idade Moderna e a Idade Contemporánea.

Como é lóxico supor, nunha data determinada non cambia radicalmente ese conxunto de características que se mantiveron ao longo de séculos. Porén, os historiadores escollen certas datas que utilizan como símbolo dos cambios que se suceden tras elas.

Así, podemos establecer que a partir do século XV comezan a coñecerse e a tomar contacto sociedades que ata ese momento viviran practicamente illadas. Europa entrou en contacto definitivo con África, con Asia, e cun “novo” continente: América.

O comezo da Idade Moderna pódese situar na caída de Constantinopla en poder dos turcos otománs (1453) e a súa expansión desde o Mediterráneo oriental cara ao oeste. Tamén pode situarse na época das grandes descubertas xeográficas (ao longo da segunda metade do século XV), especialmente tras a descuberta de América (1492). O remate desta época sitúase a finais do século XVIII, co proceso da Revolución Francesa.

Os séculos da Idade Moderna tamén se denominan Antigo Réxime, termo co que se designa o conxunto de trazos económicos, sociais, políticos, etc., propios dos sécalos XVI, XVII e XVIII.

@  Propomos realizar na tarefa 1 un eixe cronolóxico onde queden sinalados o comezo e o final da Idade Moderna ou Antigo Réxime.


§  Tarefa 1: A cronoloxía da Idade Moderna


§  A) Localice na seguinte liña do tempo os anos nos que se produciron os acontecementos que marcan o comezo e o final da Idade Moderna:

              


§  B) Que séculos comprende a Idade Moderna?


§  A) Acontecemento de inicio: ano 1453 (ou 1492). Acontecemento de finalización: ano 1789.


§  B) Segunda metade do século XV, século XVI, século XVII e século XVIII.




§  Calquera libro de texto da materia e do nivel adecuados; recoméndase particularmente o de Historia 2º de ESO da editorial Santillana-Obradoiro, no seu índice (páxinas 2 e 3) e no apartado de repaso (páxinas 6 e 7).

A Constitución española


España é un Estado democrático. Esta afirmación aparece no artigo 1º da Constitución aprobada polos españois o día 6 de decembro de 1978. Nesta actividade imos falar dos principios políticos e do funcionamento das institucións que permiten certificar a certeza desa afirmación, principios e institucións que están recollidos no texto constitucional.

Despois da morte do xeneral Franco en novembro de 1975 comezou unha etapa que tiña como obxectivo fundamental o de rematar con corenta anos de ditadura, pondo a base dun novo sistema político de carácter democrático. En 1977 celebráronse eleccións que permitiron aos cidadáns españois elixiren os seus representantes nas Cortes Xerais ou Parlamento. A misión principal destas Cortes foi a de elaborar unha constitución, lei suprema pola que se rexerían todos os españois. O acordo dos partidos políticos da época permitiu a aprobación do texto constitucional nas Cortes Xerais reunidas o 31 de outubro de 1978. Posteriormente, a Constitución foi ratificada pola maioría do pobo español en referendo (consulta dirixida aos cidadáns para expresaren a súa opinión sobre algún tema importante). Isto sucedía o día 6 de decembro de 1978.

A Constitución española contén, nun texto dividido en dez títulos, 169 artigos e unhas disposicións derradeiras, as normas básicas de funcionamento do Estado democrático. Deseguido saliéntanse os trazos máis significativos do texto constitucional.

§  A soberanía (máximo poder político do Estado) reside no pobo español (artigo 1º). Como soberano, o pobo participa na política elixindo os seus representantes (persoas que actúan en nome do pobo) e expresando a súa vontade a través de referendos. Todas as persoas maiores de idade (máis de 18 anos) participan por medio dun sufraxio universal (non se lle impide a ninguén o dereito a votar).

§  A forma de goberno é a monarquía parlamentaria (artigo 1º). Isto quere dicir que o xefe de Estado é un rei, pero este rei ten limitada a súa autoridade polas Cortes Xerais ou Parlamento, representante directo do pobo español. Nunha frase resúmese todo o anterior: “o rei reina, pero non goberna”.

§  Existe unha separación de poderes (títulos II, III, IV, V e VI), polo que as tarefas de estado non poden residir na mesma persoa, como sucedía na monarquía absoluta do Antigo Réxime, nin nunha única institución. Así, do poder executivo (coa función de regulamentar e executar as leis) encárgase o goberno, formado por un presidente nomeado polas Cortes Xerais (normalmente o presidente é o candidato do partido que conta con máis representantes nas Cortes) e uns ministros designados polo presidente; do poder lexislativo (función de elaborar as leis) encárganse as Cortes Xerais ou Parlamento, con dúas cámaras: o Congreso dos Deputados e o Senado, elixidas directamente polos cidadáns por sufraxio universal; do poder xudicial (función de castigar o incumprimento das leis) fanse cargo os xuíces e os tribunais de xustiza, que actúan como poder totalmente independente dos outros dous.

§  Hai pluralismo político (artigo 6º) e, xa que logo, todas as ideas e opinións teñen cabida e deben respectarse. Este principio político básico na democracia maniféstase na existencia de partidos políticos diversos que permiten aos cidadáns participaren a través deles na política.

§  Recoñécense e protéxense os dereitos básicos das persoas (artigos 10º a 55º): vida, liberdade, xustiza, etc. É especialmente importante o recoñecemento da igualdade ante a lei (artigo 14º), polo que non se permite discriminación por motivo ningún.

§  Recoñécese o dereito á autonomía para as nacionalidades e as rexións que forman parte do Estado (artigo 2º e título VIII), o que quere dicir que o Estado español adopta un modelo de organización territorial descentralizado. O goberno central concédelles aos gobernos autonómicos determinadas competencias, é dicir, o dereito de se autogobernaren, en asuntos como a cultura, a sanidade, a educación e outros.

@  Na tarefa 1 preténdese que identifique correctamente os principios políticos máis salientables do sistema democrático, tal e como aparecen recollidos na Constitución española.

& Poderá usar como texto de apoio os seguintes libros de texto: “Ecúmene. Ciencias Sociais, Xeografía” 3º de ESO, da editorial Vicens Vives, unidade 15, páxinas 282 e 283; “Historia” 4º de ESO, da editorial Obradoiro-Santillana, unidade 18, páxinas 308 e 309. Poderase empregar ademais un exemplar da Constitución española de 1978.

@  Na tarefa 2 debe relacionar axeitadamente as institucións máis importantes do Estado coa función que desempeñan, de xeito que se poida apreciar con claridade o principio político da separación de poderes do estado.

& Para apoiar esta actividade pode consultar os seguintes libros de texto: “Ecúmene. Ciencias Sociais, Xeografía” 3º de ESO, da editorial Vicens Vives, unidade 15, páxinas 280 e 281; “Historia” 4º de ESO, da editorial Obradoiro-Santillana, unidade 18, páxinas 308 e 309. Poderase empregar tamén un exemplar da Constitución española de 1978.


§  Tarefa 1: Os principios políticos da democracia española.

§  Tarefa 2: A separación dos poderes do estado na Constitución de 1978.

1.1.1      Tarefa 1: Os principios políticos da democracia española

Complete as seguintes frases de xeito que expresen correctamente os principios políticos máis importantes do actual Estado democrático español:

A soberanía reside no ................................... español.
Os ................................... políticos expresan o pluralismo político.
Os españois son ................................... ante a lei.
A Constitución recoñece e garante o dereito de ................................... das nacionalidades e rexións do Estado.
A forma de goberno existente en España é unha ................................... parlamentaria.
A Constitución de 1978 establece unha ................................... de poderes. Estes poderes son: executivo, ................................... e xudicial.
Os españois teñen recoñecidos os seus ................................... básicos: vida, liberdade xustiza, etc.
Os cidadáns poden participar na política directamente ou por medio de ................................... elixidos por sufraxio ...................................



A soberanía reside no pobo español.
Os partidos políticos expresan o pluralismo político.
Os españois son iguais ante a lei.
A Constitución recoñece e garante o dereito de autonomía das nacionalidades e rexións do Estado.
A forma de goberno existente en España é unha monarquía parlamentaria.
A Constitución de 1978 establece unha separación de poderes. Estes poderes son: executivo, lexislativo e xudicial.
Os españois teñen recoñecidos os seus dereitos básicos: vida, liberdade xustiza, etc.
Os cidadáns poden participar na política directamente ou por medio de representantes elixidos por sufraxio universal.

1.1.2      Tarefa 2: A separación dos poderes do Estado na Constitución de 1978

Cubra os espazos baleiros do cadro que se amosa deseguido, de xeito que poida apreciarse a separación de poderes recollida na Constitución:

PODER
FUNCIÓN
DESEMPEÑADO POR
Regulamentar e executar as leis
Lexislativo
Xuíces e tribunais


PODER
FUNCIÓN
DESEMPEÑADO POR
EXECUTIVO
Regulamentar e executar as leis
GOBERNO
Lexislativo.
ELABORAR AS LEIS
CORTES XERAIS OU PARLAMENTO
XUDICIAL
CASTIGAR O INCUMPRIMENTO DAS LEIS
Xuíces e tribunais




§  Pódese utilizar un exemplar da Constitución española de 1978, ademais de calquera libro de texto da materia e o nivel adecuados; recoméndanse particularmente os seguintes:

      Tarefa 1: libro de texto “Ecúmene. Ciencias Sociais, Xeografía” 3º de ESO, da editorial Vicens Vives , unidade 15, páxinas 282 e 283; libro de texto “Historia” 4º de ESO, da editorial Obradoiro-Santillana, unidade 18, páxinas 308 e 309.

      Tarefa 2: libro de texto “Ecúmene. Ciencias Sociais, Xeografía” 3º de ESO, da editorial Vicens Vives, unidade 15, páxinas 280 e 281; libro de texto “Historia” 4º de ESO, da editorial Obradoiro-Santillana, unidade 18, páxinas 308 e 309.