martes, 5 de febrero de 2013

Mapas e gráficas: As gráficas

Índice

§  Mapas e gráficas.
§  As gráficas: a representación visual da información: as gráficas e a súa lectura.
§  UD18_A03_As.gráficas.doc
§  Comprender a importancia das gráficas para a percepción da información.
§  Ler e recoñecer diferentes tipos de gráficas.
§  O espazo e a súa representación. Lectura e interpretación de mapas.
§  Análise e interpretación de gráficos, diapositivas, fotografías, etc.
§  Interpretación de datos estatísticos e imaxes.
§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe e individual
§  Temporalización: 30 minutos
      Tarefa 1: dez minutos.
      Tarefa 2: dez minutos.
      Tarefa 3: dez minutos.
§  Recursos:
      Materiais: para a realización da tarefa pódese consultar a información contida no libro de texto de 3º de ESO da editorial Santillana-Obradoiro, unidade 9, páxinas 154 e 155.
Nesta actividade traballaremos diferentes xeitos de expresar unha información: verbal, estatística e gráfica. Veremos que existen diferentes tipos de gráficas, é dicir, diferentes formas de diagramas e debuxos que pretenden reflectir visualmente unha información que normalmente ten unha expresión numérica. Os contidos da información condicionan o modelo de gráfica que se empregue, dos que existen basicamente tres: por medio de liñas (gráficas lineais), por medio de barras (simples ou compostas) e circulares (círculos divididos en sectores). Utilizaremos diversos exemplos para facer lecturas dos datos que conteñen.

En moitas ocasións temos que traballar con cifras. Ás veces interésanos estudar a evolución do paro nunha determinada zona; outras, queremos coñecer o que se produce en certos países ou como está o nivel de coñecementos entre os estudantes de secundaria na Unión Europea. Toda esta información pode proporcionarse de diferentes xeitos: un, quizá o máis utilizada nos estudos, é o verbal, isto é, expresando mediante palabras as mensaxes que se queren transmitir; outro, mediante táboas estatísticas nas que se recollen os datos numéricos concretos, para que o lector extraia conclusións; un terceiro é a representación gráfica da información, é dicir, representando a información estatística mediante diagramas para obter unha visión máis clara e rápida das características da información. Os obxectivos das gráficas son ofrecer a información dun xeito visual para axudar a comprender máis facilmente a información e poder facer comparacións.
& Pode ampliar a información sobre os tipos de gráficas e a súa lectura no libro de referencia de 3º de ESO, páxinas 154 e 155.
Existen diferentes tipos de gráficas. Nós ímonos referir ás máis utilizadas: as gráficas lineais, as gráficas de barras e os diagramas de sectores.
A gráfica lineal constrúese trazando dous eixes: un horizontal (de abscisas) e outro vertical (de ordenadas). Cada eixe debe indicar que variable está medindo e en que unidades o fai. Os valores tomados polas variables sitúanse mediante un punto e a unión dos puntos fai a liña da gráfica. Son moi utilizadas para representar a evolución dunha ou varias variables ao longo do tempo; por exemplo, a evolución da taxa de paro entre determinadas datas.
@  Na tarefa 1 traballaremos a lectura e a interpretación da información contida nunha gráfica lineal vertical).
A gráfica de barras tamén se constrúe trazando dous eixes, que deben indicar o que miden e en que unidades. O valor tomado pola variable indícase mediante unha barra tan longa como o valor que ten. As barras poden ser verticais ou horizontais. Utilízanse para representar variables ao longo do tempo ou no espazo; por exemplo, a produción de enerxía térmica, hidráulica e nuclear en distintos países.
@  Na tarefa 2 traballaremos a lectura e a interpretación da información contida nunha gráfica de barras.
A gráfica circular ou diagrama de sectores constrúese sobre unha circunferencia. O círculo representa o valor da variable e cada sector en que se divide corresponde aos seus compoñentes; por exemplo, diagrama sectorial sobre o destino das exportacións pesqueiras galegas, ou diagrama sectorial da orixe da enerxía eléctrica (térmica, nuclear, hidráulica, eólica, solar, etc.).
@  Na tarefa 3 traballaremos a lectura e a interpretación da información contida nunha gráfica circular.
§  Tarefa 1: As gráficas lineais.
§  Tarefa 2: As gráficas de barras.
§  Tarefa 3: As gráficas circulares.
As gráficas lineais reflicten, normalmente, a evolución dunha ou de varias variables ao longo do tempo. No eixe horizontal adoita situarse o tempo e no vertical os valores tomados polas variables.
Observe a gráfica e responda ás cuestións:
sQue porcentaxe de poboación activa se dedicaba no ano 1900 ao sector primario, ao sector secundario e ao sector terciario?
sComo se distribuían as porcentaxes dos tres sectores no ano1930? Cal é o cambio máis significativo ocorrido entre esas dúas datas (1900 e 1930)?
sA partir de que data comeza a crecer notablemente a porcentaxe de poboación dedicada ao sector terciario?
sDescriba a situación da poboación activa española no ano 2000.
§  No ano 1900 dedicábase ao sector primario un 66% da poboación, ao secundario un 18% e ao terciario un 16%, aproximadamente.
§  No ano 1930, a distribución era sector primario, 46 %; sector secundario, 28 %; sector terciario, 26 %, aproximadamente. O cambio máis notable é o descenso de poboación dedicada ao sector primario e que o sector secundario supera o terciario.
§  A partir de 1960.
§  No ano 2000 a distribución da poboación activa española é: sector primario, 13 %; sector secundario, 40 %; sector terciario 47 %.
As gráficas de barras indican unha evolución no tempo dunha variable ou de varias, ou ben comparan variables nun momento determinado, ou entre distintos países. Constrúense de xeito moi similar ás lineais, pero a variable medida represéntase por unha barra de altura proporcional ao valor que toma esta. A posición das barras pode ser vertical ou horizontal.
Observe a gráfica e conteste ás cuestións:

sQue se representa no eixe vertical situado á esquerda?
sQue se mide no eixe horizontal? Que indica a lonxitude da barra?
sCal era o número medio de fillos por muller en España en 1970? E en 1980? E en 1990?

sQue evolución seguiu o número medio de fillos por muller en España entre 1970 e 1992?
§  No eixe vertical represéntanse os anos.
§  No eixe horizontal mídese o número medio de fillos por muller. A lonxitude da barra indica o número medio de fillos por muller nese ano.
§  En 1970, o número medio de fillos por muller era de 2’90. En 1980 era de 2’20. En 1990 era de 1’20.
§  Entre 1970 e 1992, o número medio de fillos por muller en España foi descendendo. Mantívose lixeiramente estable entre 1970 e 1980 e, a partir desa data, baixou notablemente.
As gráficas circulares reciben diversas denominacións: diagramas sectoriais, gráficas sectoriais, ciclogramas, etc. Todas elas caracterízanse por representaren nun círculo (tamén pode ser un semicírculo) o reparto dos elementos dos que se compón unha variable. A parte que representa o elemento no conxunto do total adoita expresarse en porcentaxe e indicarse mediante un sector do círculo de diferente cor ou trama.
Observe a gráfica circular e conteste ás cuestións.

sQue se representa nesta gráfica?
sQue representa a cor amarela? E a cor azul? E a verde? E a rosa?
sA que sector económico se dedicaba maioritariamente a poboación galega no ano 2002? Que porcentaxe de poboación o facía?
sQue porcentaxe de poboación se dedicaba ao sector secundario? E ao terciario?
§  Represéntase a distribución da poboación galega por sectores económicos no ano 2002.
§  A cor amarela indica a poboación dedicada ao sector terciario; a cor azul, a poboación dedicada ao sector secundario; a cor verde, a poboación non clasificable; a cor rosa, a poboación dedicada ao sector primario.
§  Ao sector terciario. Un 52’50 %.
§  Ao sector secundario dedicábase un 31%. Ao sector primario dedicábase un 11’50%.

§  Para a realización da tarefa pódese consultar a información sobre os tipos de gráficas no libro de texto “Xeografía” 3º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, páxinas 154 e 155.

Mapas e gráficas: Os mapas. Coñecemento dos elementos do mapa e utilización da escala.

Índice

§  Mapas e gráficas.
§  Os mapas. Coñecemento dos elementos do mapa e utilización da escala.
§  Identificar os elementos que permiten representar axeitadamente o territorio nun mapa.
§  Comprender e interpretar correctamente a escala como medio para representar a realidade nun mapa.
§  Utilizar a escala para calcular distancias reais nos mapas.
§  Diferenciar distintos tipos de mapas.
§  Diferenciar os caracteres do mapa topográfico.
§  Recoñecer formas do terreo no mapa topográfico.
§  O espazo e a súa representación.
      Lectura e interpretación de mapas.
      Lectura e interpretación de mapas temáticos.
§  O espazo e a súa representación
      Planos e mapas.
      Escala.
      Formas do terreo.
§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.
§  Temporalización: 35 minutos
      Tarefa 1: dez minutos.
      Tarefa 2: cinco minutos.
      Tarefa 3: dez minutos.
      Tarefa 4: dez minutos.
§   Recursos:
      Materiais: consultarase a información contida no libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, unidade didáctica 1 “O planeta Terra”, páxinas 6 a 19. Así mesmo, pódese consultar tamén o libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 14 e 15.
      Espazos: non presencial.
      Contorno de comunicacións: plataforma e correo electrónico.
Nesta unidade continuamos co estudio da cartografía. Utilizaremos agora a información procedente dunha das máis importantes fontes de información cartográfica: os mapas. Definiremos o que é un mapa e cales son os seus elementos básicos. Entre estes, dedicaremos unha especial atención á escala, é dicir, á maneira utilizada nos mapas para reducir a realidade de xeito proporcional. Veremos que a escala permite realizar cálculos aproximados das distancias reais reflectidas no mapa. Os mapas poden describir diferentes aspectos da realidade: trazos naturais (vexetación, temperaturas, producións agrícolas, fontes de enerxía, recursos, etc.), trazos humanos (localización e distribución da poboación, cidades, industrias, etc.), acontecementos históricos e políticos, etc. Toda esta variedade de posibles contidos dos mapas constitúe o conxunto denominado mapas temáticos. Un caso moi particular de mapa temático é o mapa topográfico, no que se pretende representar as formas do relevo.


A forma do planeta Terra é aproximadamente esférica (algo achanzada polos polos). A representación máis sinxela que podemos facer da Terra é mediante unha esfera. Porén, necesitamos dispor de representacións máis manexables do noso planeta. Este problema tratan de solucionalo os mapas.
Un mapa é unha representación plana dunha parte da superficie terrestre, feita a escala. Para poder representar unha superficie moi grande nun papel relativamente pequeno (o mapa) debemos reducir as dimensións reais para que caiban nel. Esta redución débese facer de xeito proporcional, é dicir, mantendo sempre a mesma relación entre as distancias reais e as distancias no mapa. Iso é a escala: a relación de redución que existe entre as distancias no mapa e as distancias na realidade.
& Consulte o libro de referencia de 1º de ESO da editorial Santillana-Obradoiro nas páxinas 14 e 16 para ampliar a información sobre o concepto de mapa e de escala. Tamén pode utilizar o libro de 3º de ESO da mesma editorial nas páxinas 14 e 15.
A escala pódese expresar de varios xeitos:
a) A escala gráfica é a que vén reflectida no propio mapa, normalmente na súa parte inferior. Consiste nun segmento dividido en tramos que indica a correspondencia entre a distancia do mapa e a distancia real.
b) A escala numérica, expresa mediante unha fracción a relación entre o mapa e a realidade. Por exemplo, 1:50.000 ou 1/50.000, indica que a un centímetro do mapa lle corresponden 50.000 centímetros da realidade, é dicir, 500 metros. Canto maior é o denominador da escala dise que o mapa é de escala máis pequena, e viceversa.
@  Realizaremos na tarefa 1 prácticas de recoñecemento de escala e de cálculos sinxelos coa escala.
Todo mapa precisa estar orientado. Salvo que no mapa se indique outra cousa mediante un símbolo de orientación, a parte superior do mesmo indica o norte. Tamén precisa duns elementos necesarios para poder interpretar a información recollida nel. Eses elementos son a escala e os signos convencionais. Os signos convencionais son todos aqueles elementos que nos permiten representar as características da realidade. Por exemplo, os ríos adoitan representarse mediante unhas liñas de cor azul; as cidades e os núcleos de poboación mediante puntos, máis grandes para as máis poboadas, etc. Para poder interpretar o significado dos símbolos utilizados é necesario que o mapa leve unha lenda. Esta adoita ser un recadro no que se indican os símbolos utilizados e o que representan.
@  Na tarefa 2 preténdese que recoñezamos nun exemplo concreto de mapa os signos convencionais empregados.
Existen diferentes tipos de mapas e as clasificacións poden ser moi variadas. Existen mapas xerais, que son aqueles que pretenden representar os aspectos físicos e políticos do planeta (mapas físicos e políticos de nacións, de continentes, etc., que aparecen nos atlas) , e tamén existen os mapas temáticos, que pretenden amosar a distribución espacial dun determinado aspecto da realidade física ou humana; xa que logo, existen mapas temáticos físicos (climáticos, de vexetación, hidrográficos, etc.) e mapas temáticos humanos (históricos, económicos, demográficos, lingüísticos, etc.).
@  Traballaremos cos mapas temáticos na tarefa 3 e comprobaremos a súa utilidade na vida cotiá.
Un dos problemas máis notables á hora de representarmos o espazo real nun mapa é o de como trasladar a unha superficie plana (o papel) as montañas, os outeiros, as depresións, é dicir, as diferentes formas do relevo. Para indicar no mapa a altitude á que se atopan os elementos da realidade inventáronse diversos sistemas. Un dos máis coñecidos é o das tintas de cores diferentes para diferentes altitudes (verdes máis claros para as zonas menos elevadas e marróns máis escuros canta máis altitude); outro sistema é o das curvas de nivel do mapa topográfico, un tipo especial de mapa que pretende representar fundamentalmente as formas do relevo e que tamén achega información sobre aspectos físicos (ríos ou usos do solo) e humanos dun lugar (núcleos de poboación, estradas, topónimos, etc.).
& Pode ampliar a información sobre o mapa topográfico no libro de referencia de 1º de ESO, páxinas 30 e 31. Información máis detallada sobre o mesmo tipo de mapa aparece no libro de referencia de 3º de ESO, páxinas 30, 31, 122 e 123.
O relevo nos mapas topográficos represéntase mediante unhas liñas imaxinarias chamadas curvas de nivel. Observe na figura como se forman as curvas de nivel.

 Esas liñas unen puntos situados á mesma altitude. Unhas aparecen cun trazo máis groso e indican a altitude mediante un número: son as curvas mestras. Grazas á análise das curvas de nivel dunha zona temos unha idea aproximada do relevo que a caracteriza. Así, se as curvas están moi xuntas, indica unha grande diferenza de altitude (montaña ou depresión), e se están moi separadas indican un relevo plano.
@  Coa tarefa 4 traballaremos sobre un exemplo concreto algunhas das características básicas do mapa topográfico.


§  Tarefa 1: O mapa e a escala.
§  Tarefa 2: Os signos convencionais do mapa.
§  Tarefa 3: Os mapas temáticos.
§  Tarefa 4: O mapa topográfico.
Para que un mapa poida cualificarse de tal cómpre que estea realizado a escala. Isto quere dicir que non é un simple debuxo máis ou menos exacto da realidade, senón que ten que manter unha relación entre as medidas reflectidas nel e as medidas da realidade. Esta relación é a escala, que se pode expresar de xeito numérico (unha fracción) ou de xeito gráfico (un segmento). Repase os contidos da introdución para facer a tarefa proposta.
§  Observe o mapa:

§  Onde está situada a escala do mapa?
§  Que tipo de escala é, gráfica ou numérica?
§  Sabemos que un centímetro do mapa equivale a 100 quilómetros na realidade. Lembre que 1 km son 100.000 cm. Exprese a escala de xeito numérico.
§  A distancia entre A Coruña e Madrid é de 6’30 cm no mapa. Que distancia aproximada separa esas cidades na realidade?
      A escala está situada na parte inferior dereita do mapa.
      É unha escala gráfica, un segmento dividido en tramos.
      A escala numérica é 1: 10.000.000 ou 1/10.000.000.
      A distancia entre A Coruña e Madrid será duns 600 km.

2.2.2      Tarefa 2: Os signos convencionais do mapa
Para representar os diferentes elementos da realidade nos mapas utilízanse símbolos que se denominan signos convencionais. A lenda dun mapa permite interpretar os signos utilizados nos mapas. Volva mirar o mapa da tarefa anterior e conteste ás cuestións.
§  Onde está situada a lenda dese mapa?
§  Que tipo de símbolos se utiliza no mapa e que representan?
§  Que tipo de mapa é, físico ou político?
      Está situada no recadro da parte inferior dereita do mapa.
      Utilízanse liñas de diferente grosor e distinta cor para representar os límites internacionais, de comunidade autónoma e provinciais, e figuras xeométricas (cadrados e círculos) tamén de diferentes cores para representar as cidades: capital estatal, capital autonómica e capital provincial.
      É un mapa político.
Os mapas temáticos representan a distribución no territorio dun determinado fenómeno que interesa analizar. Existen mapas de tipo físico (os climáticos, os de vexetación, os hidrográficos, etc.) e mapas de tipo humano (os históricos, os económicos, os demográficos, os lingüísticos, etc.). É moi frecuente a súa utilización nos medios de comunicación, xa que ofrecen unha información adicional ao situar os feitos que se describen no espazo (os mapas do tempo, por exemplo). Observe este mapa e conteste ás cuestións.

§  Observe atentamente a lenda. Que tipo de información aparece reflectida no mapa? Corresponde a un único aspecto ou a varios? É este un mapa físico ou humano?
§  Onde se localizan as principais áreas industriais? Onde predominan a agricultura e a gandaría no uso do solo? Que tipos de turismo se dan en España?
§  Observa algunha relación entre o símbolo utilizado e o contido que se pretende representar?
§  É a información contida neste mapa moi abundante? Cre que é máis doado de interpretar reflectida así, nun mapa, ou mediante información escrita?
      Aparece información sobre os usos do solo en España, a rede urbana e as estradas principais, a actividade industrial e a actividade turística. Corresponde a varios aspectos. É un mapa humano, fundamentalmente económico.
      Áreas industriais nos arredores de Bilbao e de Barcelona. Predomina a agricultura e a gandaría en Galicia e na franxa cantábrica. Existe un turismo de praia, de montaña e de cidades monumentais.

      En xeral, o símbolo presenta unha asociación co representado: un obxecto (a praia un parasol, os portos uns barcos), unha cor (viñas en vermello, regadíos en verde), etc.
      A información contida neste mapa é moi abundante. En principio, resulta máis doado observar dunha ollada grande cantidade de información así reflectida que facelo mediante a lectura dunha información.
O mapa topográfico pretende representar as formas do relevo mediante curvas de nivel. Estas son liñas imaxinarias que unen puntos situados á mesma altitude. Adoitan estar realizados a escalas grandes (1:25.000 e 1:50.000) polo que o nivel de detalle amosado neles é grande. As curvas de trazo máis groso adoitan indicar a altitude representada mediante un número.
§  Observe o mapa e conteste ás cuestións.

sQue indican as liñas verdes de trazo máis groso?
sSabendo que entre curva de nivel e curva de nivel hai dez metros de altitude, a que altitude aproximada se atopará o lugar de Casa do Penedo?
sEntre Penas dos Corbos e Penas das Mouras, como están as curvas de nivel?
sQue tipo de forma do relevo haberá entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras? Teña en conta que entre un lugar e o outro discorre o río Cabe.
§  As liñas verdes de trazo máis groso son as curvas de nivel mestras, que neste mapa van de 50 en 50 metros.
§  O lugar de Casa do Penedo está entre 320 e 330 metros de altura.
§  Entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras as curvas de nivel están moi xuntas.
      Entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras haberá un desnivel forte. Tendo en conta que entre un lugar e outro discorre un río, probablemente se trate dun val entre dous outeiros.

§  Para o estudo dos contidos desta actividade pódese consultar o libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, páxinas 14 e 16. Tamén se pode utilizar o libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 14 e 15.
§  O relativo ao mapa topográfico pódese consultar no libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, páxinas 30 e 31. Información máis detallada sobre o mesmo tipo de mapa aparece no libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 30, 31, 122 e 123.