martes, 5 de febrero de 2013

Mapas e gráficas: Os mapas. Coñecemento dos elementos do mapa e utilización da escala.

Índice

§  Mapas e gráficas.
§  Os mapas. Coñecemento dos elementos do mapa e utilización da escala.
§  Identificar os elementos que permiten representar axeitadamente o territorio nun mapa.
§  Comprender e interpretar correctamente a escala como medio para representar a realidade nun mapa.
§  Utilizar a escala para calcular distancias reais nos mapas.
§  Diferenciar distintos tipos de mapas.
§  Diferenciar os caracteres do mapa topográfico.
§  Recoñecer formas do terreo no mapa topográfico.
§  O espazo e a súa representación.
      Lectura e interpretación de mapas.
      Lectura e interpretación de mapas temáticos.
§  O espazo e a súa representación
      Planos e mapas.
      Escala.
      Formas do terreo.
§  Tipo da actividade: a distancia, de aprendizaxe, escrita e individual.
§  Temporalización: 35 minutos
      Tarefa 1: dez minutos.
      Tarefa 2: cinco minutos.
      Tarefa 3: dez minutos.
      Tarefa 4: dez minutos.
§   Recursos:
      Materiais: consultarase a información contida no libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, unidade didáctica 1 “O planeta Terra”, páxinas 6 a 19. Así mesmo, pódese consultar tamén o libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 14 e 15.
      Espazos: non presencial.
      Contorno de comunicacións: plataforma e correo electrónico.
Nesta unidade continuamos co estudio da cartografía. Utilizaremos agora a información procedente dunha das máis importantes fontes de información cartográfica: os mapas. Definiremos o que é un mapa e cales son os seus elementos básicos. Entre estes, dedicaremos unha especial atención á escala, é dicir, á maneira utilizada nos mapas para reducir a realidade de xeito proporcional. Veremos que a escala permite realizar cálculos aproximados das distancias reais reflectidas no mapa. Os mapas poden describir diferentes aspectos da realidade: trazos naturais (vexetación, temperaturas, producións agrícolas, fontes de enerxía, recursos, etc.), trazos humanos (localización e distribución da poboación, cidades, industrias, etc.), acontecementos históricos e políticos, etc. Toda esta variedade de posibles contidos dos mapas constitúe o conxunto denominado mapas temáticos. Un caso moi particular de mapa temático é o mapa topográfico, no que se pretende representar as formas do relevo.


A forma do planeta Terra é aproximadamente esférica (algo achanzada polos polos). A representación máis sinxela que podemos facer da Terra é mediante unha esfera. Porén, necesitamos dispor de representacións máis manexables do noso planeta. Este problema tratan de solucionalo os mapas.
Un mapa é unha representación plana dunha parte da superficie terrestre, feita a escala. Para poder representar unha superficie moi grande nun papel relativamente pequeno (o mapa) debemos reducir as dimensións reais para que caiban nel. Esta redución débese facer de xeito proporcional, é dicir, mantendo sempre a mesma relación entre as distancias reais e as distancias no mapa. Iso é a escala: a relación de redución que existe entre as distancias no mapa e as distancias na realidade.
& Consulte o libro de referencia de 1º de ESO da editorial Santillana-Obradoiro nas páxinas 14 e 16 para ampliar a información sobre o concepto de mapa e de escala. Tamén pode utilizar o libro de 3º de ESO da mesma editorial nas páxinas 14 e 15.
A escala pódese expresar de varios xeitos:
a) A escala gráfica é a que vén reflectida no propio mapa, normalmente na súa parte inferior. Consiste nun segmento dividido en tramos que indica a correspondencia entre a distancia do mapa e a distancia real.
b) A escala numérica, expresa mediante unha fracción a relación entre o mapa e a realidade. Por exemplo, 1:50.000 ou 1/50.000, indica que a un centímetro do mapa lle corresponden 50.000 centímetros da realidade, é dicir, 500 metros. Canto maior é o denominador da escala dise que o mapa é de escala máis pequena, e viceversa.
@  Realizaremos na tarefa 1 prácticas de recoñecemento de escala e de cálculos sinxelos coa escala.
Todo mapa precisa estar orientado. Salvo que no mapa se indique outra cousa mediante un símbolo de orientación, a parte superior do mesmo indica o norte. Tamén precisa duns elementos necesarios para poder interpretar a información recollida nel. Eses elementos son a escala e os signos convencionais. Os signos convencionais son todos aqueles elementos que nos permiten representar as características da realidade. Por exemplo, os ríos adoitan representarse mediante unhas liñas de cor azul; as cidades e os núcleos de poboación mediante puntos, máis grandes para as máis poboadas, etc. Para poder interpretar o significado dos símbolos utilizados é necesario que o mapa leve unha lenda. Esta adoita ser un recadro no que se indican os símbolos utilizados e o que representan.
@  Na tarefa 2 preténdese que recoñezamos nun exemplo concreto de mapa os signos convencionais empregados.
Existen diferentes tipos de mapas e as clasificacións poden ser moi variadas. Existen mapas xerais, que son aqueles que pretenden representar os aspectos físicos e políticos do planeta (mapas físicos e políticos de nacións, de continentes, etc., que aparecen nos atlas) , e tamén existen os mapas temáticos, que pretenden amosar a distribución espacial dun determinado aspecto da realidade física ou humana; xa que logo, existen mapas temáticos físicos (climáticos, de vexetación, hidrográficos, etc.) e mapas temáticos humanos (históricos, económicos, demográficos, lingüísticos, etc.).
@  Traballaremos cos mapas temáticos na tarefa 3 e comprobaremos a súa utilidade na vida cotiá.
Un dos problemas máis notables á hora de representarmos o espazo real nun mapa é o de como trasladar a unha superficie plana (o papel) as montañas, os outeiros, as depresións, é dicir, as diferentes formas do relevo. Para indicar no mapa a altitude á que se atopan os elementos da realidade inventáronse diversos sistemas. Un dos máis coñecidos é o das tintas de cores diferentes para diferentes altitudes (verdes máis claros para as zonas menos elevadas e marróns máis escuros canta máis altitude); outro sistema é o das curvas de nivel do mapa topográfico, un tipo especial de mapa que pretende representar fundamentalmente as formas do relevo e que tamén achega información sobre aspectos físicos (ríos ou usos do solo) e humanos dun lugar (núcleos de poboación, estradas, topónimos, etc.).
& Pode ampliar a información sobre o mapa topográfico no libro de referencia de 1º de ESO, páxinas 30 e 31. Información máis detallada sobre o mesmo tipo de mapa aparece no libro de referencia de 3º de ESO, páxinas 30, 31, 122 e 123.
O relevo nos mapas topográficos represéntase mediante unhas liñas imaxinarias chamadas curvas de nivel. Observe na figura como se forman as curvas de nivel.

 Esas liñas unen puntos situados á mesma altitude. Unhas aparecen cun trazo máis groso e indican a altitude mediante un número: son as curvas mestras. Grazas á análise das curvas de nivel dunha zona temos unha idea aproximada do relevo que a caracteriza. Así, se as curvas están moi xuntas, indica unha grande diferenza de altitude (montaña ou depresión), e se están moi separadas indican un relevo plano.
@  Coa tarefa 4 traballaremos sobre un exemplo concreto algunhas das características básicas do mapa topográfico.


§  Tarefa 1: O mapa e a escala.
§  Tarefa 2: Os signos convencionais do mapa.
§  Tarefa 3: Os mapas temáticos.
§  Tarefa 4: O mapa topográfico.
Para que un mapa poida cualificarse de tal cómpre que estea realizado a escala. Isto quere dicir que non é un simple debuxo máis ou menos exacto da realidade, senón que ten que manter unha relación entre as medidas reflectidas nel e as medidas da realidade. Esta relación é a escala, que se pode expresar de xeito numérico (unha fracción) ou de xeito gráfico (un segmento). Repase os contidos da introdución para facer a tarefa proposta.
§  Observe o mapa:

§  Onde está situada a escala do mapa?
§  Que tipo de escala é, gráfica ou numérica?
§  Sabemos que un centímetro do mapa equivale a 100 quilómetros na realidade. Lembre que 1 km son 100.000 cm. Exprese a escala de xeito numérico.
§  A distancia entre A Coruña e Madrid é de 6’30 cm no mapa. Que distancia aproximada separa esas cidades na realidade?
      A escala está situada na parte inferior dereita do mapa.
      É unha escala gráfica, un segmento dividido en tramos.
      A escala numérica é 1: 10.000.000 ou 1/10.000.000.
      A distancia entre A Coruña e Madrid será duns 600 km.

2.2.2      Tarefa 2: Os signos convencionais do mapa
Para representar os diferentes elementos da realidade nos mapas utilízanse símbolos que se denominan signos convencionais. A lenda dun mapa permite interpretar os signos utilizados nos mapas. Volva mirar o mapa da tarefa anterior e conteste ás cuestións.
§  Onde está situada a lenda dese mapa?
§  Que tipo de símbolos se utiliza no mapa e que representan?
§  Que tipo de mapa é, físico ou político?
      Está situada no recadro da parte inferior dereita do mapa.
      Utilízanse liñas de diferente grosor e distinta cor para representar os límites internacionais, de comunidade autónoma e provinciais, e figuras xeométricas (cadrados e círculos) tamén de diferentes cores para representar as cidades: capital estatal, capital autonómica e capital provincial.
      É un mapa político.
Os mapas temáticos representan a distribución no territorio dun determinado fenómeno que interesa analizar. Existen mapas de tipo físico (os climáticos, os de vexetación, os hidrográficos, etc.) e mapas de tipo humano (os históricos, os económicos, os demográficos, os lingüísticos, etc.). É moi frecuente a súa utilización nos medios de comunicación, xa que ofrecen unha información adicional ao situar os feitos que se describen no espazo (os mapas do tempo, por exemplo). Observe este mapa e conteste ás cuestións.

§  Observe atentamente a lenda. Que tipo de información aparece reflectida no mapa? Corresponde a un único aspecto ou a varios? É este un mapa físico ou humano?
§  Onde se localizan as principais áreas industriais? Onde predominan a agricultura e a gandaría no uso do solo? Que tipos de turismo se dan en España?
§  Observa algunha relación entre o símbolo utilizado e o contido que se pretende representar?
§  É a información contida neste mapa moi abundante? Cre que é máis doado de interpretar reflectida así, nun mapa, ou mediante información escrita?
      Aparece información sobre os usos do solo en España, a rede urbana e as estradas principais, a actividade industrial e a actividade turística. Corresponde a varios aspectos. É un mapa humano, fundamentalmente económico.
      Áreas industriais nos arredores de Bilbao e de Barcelona. Predomina a agricultura e a gandaría en Galicia e na franxa cantábrica. Existe un turismo de praia, de montaña e de cidades monumentais.

      En xeral, o símbolo presenta unha asociación co representado: un obxecto (a praia un parasol, os portos uns barcos), unha cor (viñas en vermello, regadíos en verde), etc.
      A información contida neste mapa é moi abundante. En principio, resulta máis doado observar dunha ollada grande cantidade de información así reflectida que facelo mediante a lectura dunha información.
O mapa topográfico pretende representar as formas do relevo mediante curvas de nivel. Estas son liñas imaxinarias que unen puntos situados á mesma altitude. Adoitan estar realizados a escalas grandes (1:25.000 e 1:50.000) polo que o nivel de detalle amosado neles é grande. As curvas de trazo máis groso adoitan indicar a altitude representada mediante un número.
§  Observe o mapa e conteste ás cuestións.

sQue indican as liñas verdes de trazo máis groso?
sSabendo que entre curva de nivel e curva de nivel hai dez metros de altitude, a que altitude aproximada se atopará o lugar de Casa do Penedo?
sEntre Penas dos Corbos e Penas das Mouras, como están as curvas de nivel?
sQue tipo de forma do relevo haberá entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras? Teña en conta que entre un lugar e o outro discorre o río Cabe.
§  As liñas verdes de trazo máis groso son as curvas de nivel mestras, que neste mapa van de 50 en 50 metros.
§  O lugar de Casa do Penedo está entre 320 e 330 metros de altura.
§  Entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras as curvas de nivel están moi xuntas.
      Entre Penas dos Corbos e Penas das Mouras haberá un desnivel forte. Tendo en conta que entre un lugar e outro discorre un río, probablemente se trate dun val entre dous outeiros.

§  Para o estudo dos contidos desta actividade pódese consultar o libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, páxinas 14 e 16. Tamén se pode utilizar o libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 14 e 15.
§  O relativo ao mapa topográfico pódese consultar no libro “Xeografía e Historia” 1º de ESO, da editorial Santillana-Obradoiro, páxinas 30 e 31. Información máis detallada sobre o mesmo tipo de mapa aparece no libro de 3º de ESO da mesma editorial, páxinas 30, 31, 122 e 123.

No hay comentarios:

Publicar un comentario