lunes, 29 de octubre de 2012

A Unión Europea

A Unión Europea é unha organización que pretende integrar economicamente e politicamente os países que forman parte dela, de xeito que poida equipararse ás que actualmente se poden considerar como grandes potencias mundiais, especialmente aos Estados Unidos de Norteamérica.
A orixe do proceso de integración dos países europeos nace nos anos inmediatamente posteriores ao remate da II Guerra Mundial (1945). Unha Europa destruída pola guerra necesitaba naquela época o apoio económico dos Estados Unidos. Este país decidiu cooperar na reconstrución europea mediante a concesión dunha axuda económica (plan Marshall). Os norteamericanos puñan unhas condicións: que os países que recibiran a axuda foran democráticos e que se creara un organismo para a supervisión do reparto do diñeiro. Este organismo, coñecido polas siglas OECE, e fundado en 1948, pódese considerar como o primeiro intento de integración europea, aínda que baixo o control dos Estados Unidos.
Así e todo, os europeos comezaron a dar pasos para cooperar economicamente á marxe dos Estados Unidos. Exemplos desta cooperación foron o Benelux (unión alfandegueira entre os Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo -1948-) e a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), integrada en 1951 polos tres países do Benelux mais Francia, Alemaña e Italia.
O paso decisivo cara á unificación europea foi a creación da denominada Comunidade Económica Europea (CEE). Esta organización naceu tras a sinatura do tratado de Roma en 1957. Formaban parte dela os Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, Francia, Alemaña e Italia. O seu obxectivo básico era o de conseguir a libre circulación de mercadorías, capitais e traballadores entre estes países, establecéndose entre eles unha unión alfandegueira (non había que pagar aranceis nin impostos de entrada no tráfico comercial entre os países signatarios do tratado de Roma).
A CEE foi medrando e incorporando novos países europeos: Dinamarca, Irlanda e Gran Bretaña (1973); Grecia (1981); España e Portugal (1986); Suecia, Finlandia e Austria (1995). Os obxectivos da organización fixéronse máis ambiciosos: consolidar a unión económica e aspirar no futuro á unidade política. No ano 1987, a Acta Única Europea serviu para consolidar a CEE, creando unha política de “fondos estruturais” que basicamente consistía en que os países máis ricos da organización se comprometían a axudar economicamente aos máis pobres para reduciren as desigualdades existentes.
A Unión Europea, tal e como se coñece hoxe en día, naceu coa sinatura en 1992 do tratado de Maastricht (Países Baixos). Os obxectivos máis importantes deste tratado eran a creación dunha moeda única para todos os países (esta moeda, chamada euro, entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1999 e empezou a circular a partir do 1 de xaneiro de 2002, cando substituíu as antigas moedas nacionais); o establecemento da “cidadanía europea”, simbolizado na aparición do pasaporte da Unión Europea; o aumento da importancia do Parlamento Europeo, integrado por deputados de todos os países membros, etc.
En 2004 foron admitidos na Unión Europea outros dez países: Letonia, Estonia, Lituania, Polonia, a República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Hungría, Malta e Chipre. Igualmente neste ano as autoridades europeas e os gobernantes dos países membros deron luz verde á Constitución Europea, documento fundamental con vistas a consolidar o proceso de unificación política de Europa. Este documento debe ser aprobado no ano 2005 pola poboación en consulta popular ou referendo (España foi o primeiro Estado que a aprobou por esta vía) ou polos parlamentos nacionais dos diferentes estados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario